Latest News
O equipo de UVigo Aerotech Solaris, formado por alumnado de diferentes titulacións da Universidade de Vigo e liderado desde o campus de Ourense, acaba de facer historia ao proclamarse gañador da primeira competición de foguetaría universitaria española. Co seu modelo Viradinha MkII fixéronse co primeiro posto no certame L1, organizado por Surt e SpainRocketry esta fin de semana en Alcolea de Cinca (Huesca).
“Cando escoitamos ao equipo organizador dicir o noso nome no primeiro momento non nolo podiamos crer. Foi unha mestura de moitos sentimentos pero se tivésemos que quedarnos cunha palabra para describilo sería orgullo”, sinalan desde Solaris. No proxecto, este curso académico participan 36 estudantes de diferentes graos da UVigo, principalmente do campus de Ourense, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática, pero tamén con representación do campus de Vigo, concretamente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñería Industrial. Elas e eles celebraron con enorme satisfacción ver como o traballo realizado desde a posta en marcha no curso 2024/2025 desta iniciativa deu finalmente os seus froitos.
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este martes unha conferencia do xefe do Centro de Operacións de Vixilancia Espacial (COVE) de España, o tenente coronel Roberto García Robles. Nela, alumnado e profesorado da escola tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o papel deste órgano e as súas funcións no contexto do puxante desenvolvemento do sector espacial. A misión principal do COVE é a vixilancia e coñecemento da situación espacial e a provisión de servizos en apoio ás operacións das Forzas Armadas. Tamén pode realizar labores de vixilancia espacial de fenómenos naturais (meteoritos, asteroides, entre outros) ou accidentais (como lixo espacial).
A conferencia tivo lugar no salón de graos do edificio Xurídico-Empresarial do campus. Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, foi a encargada de presentar ao convidado, destacando a súa dilatada traxectoria no ámbito da defensa e das operacións espaciais. Igualmente, recalcou a pertinencia de que o alumnado do Grao de Enxeñaría Aeroespacial do seu centro coñeza o COVE e as súas “capacidades estratéxicas máis relevantes para a seguridade e o coñecemento da contorna espacial”. Neste senso, salientou que o traballo que nel se realiza non só abrangue temas militares senón que tamén “contribúen á investigación científica e tecnolóxica”.
O equipo formado por alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense Ziptie Motorsport estreou con éxito en Viena, na competición HTL Zero Emission Challenge 2026, o seu kart eléctrico de baixo custo. Acadaron un terceiro posto nas probas estáticas, convertéronse no primeiro equipo internacional en participar nesta cita e viron cumprido o seu soño de competir cun vehículo creado por eles mesmos.
Ziptie Motorsport está formado por catro alumnos de segundo curso do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo, como son Nicolás Outón, José Luis Penide, Carlos Vázquez e Pablo Álvaro Froiz, e complétao Guillermo Penide, do IES Sánchez Cantón. En Viena (Austria), na HTL Zero Emission Challenge 2026, competiron os días 21 e 22 na categoría Advanced fronte a 20 equipos austríacos, que, apuntan, “teñen á súa disposición profesores especializados que os orientan para a competición e un presuposto moito maior, sendo nós os únicos sen equipo docente”.
Este martes presentouse no campus de Ourense unha nova cátedra da Universidade de Vigo: a Cátedra Indra en Sistemas Aéreos Autónomos. Esta cátedra nace co obxectivo de establecer unha colaboración continuada entre a empresa Indra Group e a UVigo en actividades relacionadas coa formación, divulgación, transferencia e fomento da I+D+i no campo da aviación non tripulada, sistemas de guiado, RPAS e sistemas de aeronaves non tripuladas. Trátase dunha actuación que se enmarca ademais na aposta da Xunta de Galicia e Indra, en colaboración coa UVigo e a través da iniciativa Civil UAV, “por consolidar Galicia como un polo de referencia en innovación, desenvolvemento tecnolóxico e talento vinculado ao ámbito aeroespacial e dos sistemas non tripulados”.
Na presentación participaron Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo; María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia; José Luis Albo, responsable de Indra Group en Galicia; Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo; e Fernando Veiga, profesor da UVigo director da cátedra. Na súa intervención, Carmen García Mateo destacou que esta iniciativa “representa moi ben o modelo de universidade que queremos: unha institución capaz de aproveitar as súas fortalezas, conectada co tecido empresarial e que transforma o coñecemento en oportunidades reais para a sociedade”. Neste sentido, puxo en valor “o traballo que se está desenvolvendo desde Ourense, onde contamos cunha Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que conseguiu consolidar unha oferta formativa de grande atractivo e desenvolver capacidades docentes e investigadoras nun sector de enorme proxección”.
- O sector aeroespacial pon en valor en Ourense o seu papel estratéxico na resposta aos grandes retos ambientais
- O sistema de condución autónoma de Auria Technologies cumpre os seus obxectivos en Silverstone
- A aeronave de UVigo Aerotech Flamingus compite en Alemaña na Air Cargo Challenge
- Carlos García Galán explica no campus de Ourense o programa da base lunar da Nasa