Latest News
Optimas, proxecto europeo no que colabora a Universidade de Vigo, e liderado por monodon de Navantia, iniciou a súa andaina co obxectivo de desenvolver un sistema avanzado de comunicacións ópticas en espazo libre para aplicacións de defensa multidominio. Trátase dun ambicioso proxecto que busca proporcionar comunicacións de transferencia de datos de alta velocidade cun nivel de seguridade excepcional, integrando tecnoloxías de cifrado de última xeración, como a distribución de claves cuánticas (QKD).
Optimas marcará un fito no desenvolvemento de sistemas de comunicación láser aerotransportados, proporcionando comunicacións seguras e de alta velocidade. Está deseñado para operar en constelacións de satélites con aplicacións para unidades espaciais, aéreas (drons), navais e terrestres.
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense arrancou este mércores pola tarde a programación do seu ciclo de conferencia divulgativas Foro Aero cunha sesión sobre os retos de futuro da industria de UAS (drons). A conferencia correu a cargo de Rafael Márquez Jiménez, director de desenvolvemento de negocio de Aertec.
Aertec, lembrouse no acto, é unha empresa de enxeñaría e consultaría internacional especializada en aeronáutica, nada en 1997 e que hoxe desenvolve a súa actividade en aeroportos, na industria aeroespacial e en defensa. É provedor preferente de Airbus en servizos de enxeñería de fabricación e xestión de programas para os seus avións civís e militares. Na súa traxectoria destaca tamén a súa participación en grandes programas aeronáuticos mundiais, como o A400M, A330MRTT, A350XWB, A320 e o Beluga, entre outros. O seu persoal confórmao un equipo de 600 profesionais especialistas en aeronáutica e dispón de oficinas en España, Reino Unido, Alemaña, Francia, Colombia, Perú, Estados Unidos e Emiratos Árabes Unidos. “Aertec acaba de aterrar en Galicia impulsando un ambicioso plan de crecemento en tecnoloxía aeronáutica no campo dos sistemas de guiado e os avións remotamente tripulados (UAS), que busca chegar a ser un referente europeo en sistemas aeroespaciais, mentres fortalece á rexión no sector”, sinalan desde a organización do Foro Aero.
A Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP asinaron este xoves en Ourense dous convenios de colaboración. A través deles, a Xunta de Galicia destinará 6,36 millóns de euros para desenvolver o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, e construír un novo edificio para a súa Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Estes acordos elevan a 21 millóns de euros o investimento feito ata agora no campus de Ourense para avanzar na súa estratexia de crecemento arredor destes eidos.
A sinatura, que tivo lugar no edificio Campus Auga do campus de Ourense, correu a cargo de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, contando ademais coa asistencia, entre outros, do secretario xeral de Universidades, Alberto Díaz; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica, Irene Bonome; dos vicerreitores da UVigo e da súa secretaria xeral Francisco Javier Rodríguez, Belén Rubio e María José Bravo, respectivamente, e do director do Campus Auga, Roberto Ignacio Fernández.
Este mércores e xoves o campus de Ourense abre as súas portas ao alumnado preuniversitario coa celebración da xornada Coñece o campus de Ourense. Nela, arredor de 900 rapazas e rapaces (450 cada un dos días) de Bacharelato de centros educativos da provincia e a súa contorna teñen a oportunidade de coñecer de primeira man as súas instalacións e as titulacións que nel se ofrecen.
A actividade, que dá continuidade a outras similares celebradas o pasado ano, está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo. A programación arrancou este mércores cunha benvida conxunta no edificio Politécnico. Nela, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos asistentes o esforzo de achegarse a coñecer este campus.
- A UVigo agarda sacar a licitación do novo edificio para Enxeñería Aeronáutica neste comezo de ano
- Máis de 450 estudantes espallan o espírito UVigo polo mundo
- O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo convértese en operadora de drons autorizada pola AESA
- 4011 matriculados e unha taxa de ocupación do 105%, as cifras récord de estudantado de novo ingreso de grao este curso na UVigo